«

»

Ago 28

Métrica: 1.- Introdución (GAL)

 Como parte do labor divulgativo que nos propuxemos para Filonautas, hoxe iniciamos toda unha serie de artigos centrados nunha das cuestións máis fundamentais da literatura e que aparecerá en calquera análise literaria sobre poesía: a métrica. Podemos dicir, sen arriscarnos demasiado, que todo o mundo cre saber algo sobre métrica, pero ao longo desta serie poderedes ver como a métrica é algo moito máis complexo e interesante e que non se reduce tan só a «contar sílabas»; porque esa é unha das ideas máis equivocadas que hai sobre a métrica, como iremos vendo a medida que avancemos. Un aviso preliminar: esta serie pretende ser só unha introdución á métrica, nun futuro é posíbel que publiquemos artigos máis específicos sobre algúns aspectos en concreto, pois o tema é o suficientemente complexo. Outra cousa máis: nesta serie centrarémonos na métrica española e galega, deixando aberta para o futuro a posibilidade de iniciar outra sobre a métrica inglesa, que ten substanciais diferenzas. E isto é o primeiro que, probablemente, sorpréndavos: si, a métrica depende non só do idioma, senón máis tamén da tradición literaria en que se engloba.

   Pero, é mellor comezarmos polo principio: por que a métrica é tan importante na literatura? Para explicar isto, imos retroceder un pouco no tempo, en concreto, aos primeiros anos do século XX cando unha serie de teóricos (aos que se lles adoita coñecer como «formalistas rusos») tentaron buscar unha definición científica do fenómeno literario. Estes formalistas rusos, con Roman Jakobson (unha das personalidades máis influentes na teoría literaria) á cabeza, acabaron acadando unha definición referencial da literatura. E que significa referencial? Basicamente deron unha definición de acordo co referente, é dicir, coa linguaxe empregada nas obras literarias. A súa conclusión foi que o que transforma un acto verbal nunha obra literaria é un conxunto de medios baseados nunha función específica da linguaxe: a función poética.

Esta función poética é unha máis do que en lingüística denomínanse «funcións da linguaxe», xunto coa expresiva, a apelativa ou a referencial (por poñer outros exemplos). O característico da función poética é que nela se incrementa a separación entre o signo lingüístico (a palabra en si, por exemplo) e o referente (o que esa palabra representa no mundo real, por seguir coa nosa analoxía) dándose máis importancia ao signo en si. Resumindo, na función poética da linguaxe é moito máis importante o «como se di» que o «que se di».

O mesmo Jakobson acudiu a un importante congreso en Indiana no ano 1959 onde explicou en detalle en que consistía esta función poética. Na súa opinión, a característica fundamental da función poética era a recorrencia, é dicir, que aquilo que xa foi emitido volve aparecer na mensaxe. Para aclarar isto, nada mellor que un exemplo: tomemos un coñecido poema de Álvaro Cunqueiro «Pende en que pende Penélope pensativa / perde novelo nove novamente canto». Estes versos son un dos exemplos máis típicos da figura retórica coñecida como aliteración, que consiste na repetición dun mesmo fonema (neste caso dous: o bilabial oclusivo xordo: /p/ e o oclusivo nasal alveolar sonoro /n/) en numerosas ocasións no texto, é dicir, recorrencia dos fonemas.

   A recorrencia dáse tamén a outros niveis (morfolóxico, semántico,…) e non existe só na poesía, senón que é común a toda a linguaxe literaria. Con todo, na poesía si que aparecen dous dos aspectos máis típicos da recorrencia: a rima e o ritmo. Como non, ambos aspectos son estudados pola métrica, e neles centrarémonos nos próximos artigos desta serie.

   Esperamos que gocedes e aprendades con esta serie, cumprindo o vello dito latino de «Docere et delectare». Do que si que estamos seguros é de que ides aprender unas cantas cousas que vos sorprenderán e que vos axudarán a entender mellor a poesía e toda a literatura en xeral. Para calquera dúbida, crítica ou o que queirades, como sempre, tedes a sección de comentarios abaixo. Para rematar, e para adiantarvos un pouco de que tratará a seguinte entrada, nela iremos ás bases de toda a literatura occidental para responder (sen demasiado detalle, pois tampouco é o tema central da serie) á pregunta de como era a métrica en Grecia e Roma.

Texto orixinal

Share:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *