«

»

Nov 02

Pensando nos dormintes

Luns 21 de Outubro de 2002

   Noite de lúa chea. A miña casa ten 4 pisos. Está recuberta de pedra natural de cor moreno, cun tellado a dúas augas. Na parte máis alta ten un pico de pedra, no cal se pousan os paxaros para darlle a benvida ao novo día.

   Hoxe cúmprese un mes dende que me mudei, e como foi de forma inesperada, aínda non teño mobiliario. Tan só un pequeno catre.

   Como esta urbanización é nova, aínda non hai moitos veciños.  No meu bloque reside un matrimonio de anciáns ao lado. Estou desexando que se mude alguén máis ao outro lado, para non sentirme tan só.

   Cando me mudei, todos os meus amigos e familiares participaron na mudanza, aínda que non lles gustou moito o meu cambio. De feito, todo foron caras longas e bágoas. Algúns, incluso enfadáronse, mais tiveron que aceptar a miña nova situación con resignación. Se ben é unha urbanización nova, e hai un xardineiro para toda a comunidade, poderíase dicir que todos eles coroaron de flores o meu xardín.

   Agora que está a chegar o inverno, teño máis frío que nunca, así que vou a reclamar que instalen a calefacción o máis pronto posible.

Sábado 2 de Novembro de 2002

   No barrio hai certos movementos. Parece que son preparativos para unha gran celebración. Os pequenos comercios están á orde do día, dende moi cedo. Parece que alguén importante se vai mudar. Terei que prepararme para darlle a benvida.

   Dende pola mañá cedo, a xente non deixade vir. As campás da igrexa non deixan de soar. Entre tanto alboroto, percibo que están a petar na miña porta, pero como aínda non estou preparado para atender, déixanme unha mensaxe. É unha especie de letreiro cravado na entrada, que di: “QUE EN PAZ DESCANSE”.

Share:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *