«

»

Sep 11

Tradución: O palíndromo (GAL)

   Unha das moitas cousas que pode facer un filólogo é traducir. Si, xa sabemos que existe unha carreira especializada na tradución. Con todo, os filólogos tamén podemos facelo, grazas ao estudo profundo que realizamos sobre as diferentes culturas (dependendo da especialidade: español, galego ou inglés); tal e como estas se manifestan na súa lingua e literatura a través dos seus textos escritos.

   Neste caso, propuxémonos a tradución dun palíndromo. E que é un palíndromo? Un palíndromo é basicamente o equivalente dun número capicúa en letras. Dito doutro modo, é unha palabra ou frase que se pode ler do mesmo xeito de esquerda a dereita e de dereita a esquerda. Dita composición supón, en certo modo, transcender a vontade do escritor para afondar nun acto creativo mediante o que se busca todo aquilo que –aínda preexistente no acto de creación– permanecía oculto na lingua. Todo un reto. Sen dúbida, un exercicio interesante que require dominio do idioma; xogar coas palabras, coa linguaxe; certas habilidades e destrezas; e por suposto, moito traballo e paciencia.

   Gonzalo Navaza –ademais de profesor de Literatura Galega na Universidade de Vigo, crítico literario y tradutor– é o autor dun palindromario (nótese a combinación das palabras: palíndromo e poemario) titulado A torre da derrotA. De dita obra, extraemos un par de versos que se citarán a continuación, para a súa posterior tradución ao inglés, e á cal lle sucederá a súa correspondente explicación.

E se acaso rosa caesE

Aire só seríA (p. 49)

   Considerando que o palíndromo de Gonzalo Navaza fai referencia á idea de que todo cae, desvanécese e desaparece, tal e como o reflicte o primeiro verso; así como tamén o feito de que a palabra –reflectida na rosa, símbolo do aparentemente fráxil– supera e desafía o paso do tempo, considerouse oportuno reflectir dita mensaxe baixo a seguinte proposta:

Drown worD

   Nun intento de manter o sentido orixinal, así como tamén a súa forma –isto é, o palíndromo–; Drown correspóndese con caesE, dado que reflicte a idea de derrota, caída, afundimento, somerxerse ou inundarse, tamén presentes na inmersión que fai o lector ao ler o poema. Evidentemente, a palabra Word, correspóndese co sentido que o autor lle da á rosa.

   Para o segundo verso, son posíbeis dúas alternativas, das cales prevalece a primeira.

No reifier oN

   Seguindo a definición orixinal da palabra, reifier parece reflectir á perfección a idea de considerar (ou non) todo aquilo que resulta abstracto como concreto; o cal ten sentido, se a interpretación do segundo verso nos levase a pensar en que todo aquilo que desaparece ou se fai nada no aire, finalmente rexorde como se da ave fénix se tratase. (Algo equivalente a un ‘rexurdir’ ou ‘revivir’ da palabra).

   Unha segunda proposta para o segundo verso, podería ser a seguinte:

No time 2 emit oN

   Sería igualmente un reflexo do que o afundimento da palabra non da lugar ou tempo a que esta sexa emitida, por dicilo dalgún xeito. Dita idea relaciónase co seu “aparente” desvanecemento ou desaparición no aire –tal e como parece reflectir o autor–, xa que, en certo modo, “ás palabras lévaas o vento”. Con todo, poden flotar ou permanecer neste medio indefinidamente.

   Esta segunda proposta, tamén reflicte que non se perde aquilo que non é emitido –ou dito doutro modo–, se a palabra afunde, non ten tempo de ser reflectida. Esta idea simboliza que sempre hai esperanza, xa que todo deixa un rastro o unha pegada, tal e como reflicten os versos de Gonzalo Navaza.

   Como xa se puido comprobar, realizar unha tradución o máis fiel posíbel ao orixinal –que como sabemos, implica manter o mellor posible o sentido e a forma orixinais da obra–, non é tarefa sinxela; especialmente se nos referimos á tradución poética. Por iso facemos especial fincapé na primeira proposta, xa que contén moita máis carga significativa, en todos os seus sentidos.

   Como tradutores, caermos na literariedade dos versos podería resultar inadecuado. Sabemos por tanto, que algo está ben traducido cando a súa esencia –isto é, ritmo, musicalidade e sentido– permanecen intactos.

   Moi sinteticamente, poderíamos concluír dicindo que traducir poesía é un exercicio de interpretación, adaptación e creación, no que o tradutor comunica unha serie de coñecementos cos que enriquece a lingua de destino.

Texto orixinal

Share:

1 comentario

  1. Pily

    Un palíndromo con moita esencia. É moi motivador…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *